Thursday 02 de May de 2024

A Xunta adxudica por case 290.000€ a redacción do proxecto para construír 40 vivendas de promoción pública no parque Ofimático da Coruña


Actualmente ultímase a construción doutras 40 VPP neste mesmo ámbito e está licitada a elaboración do proxecto construtivo dun bloque integrado por 58 vivendas máis

A Xunta de Galicia adxudicou a redacción do proxecto e a dirección da obra para a construción de 40 vivendas de promoción pública (VPP) na parcela Z-13 do parque Ofimático da Coruña. O importe do contrato ascende a un total de 289.479,66 euros, IVE incluído.

O estudo que se encargará da redacción terá un prazo para a presentación dos proxectos básico e de execución de cinco meses, aínda que o contrato se prolongará durante a construción das vivendas ao incluír tamén a dirección da obra.

Cómpre subliñar que esta adxudicación se corresponde co segundo bloque de vivendas de promoción pública que ten previsto levantar o Instituto Galego da Vivenda e Solo no barrio coruñés de Xuxán —antigo parque Ofimático—.

Actualmente estase ultimando a construción dun bloque de 40 VPP na parcela Z-11 do Ofimático, un ámbito no que o organismo autonómico está a investir máis de 6 millóns de euros. Estas vivendas serán adxudicadas todas en réxime de alugueiro.

Ademais, está licitado tamén o contrato para a redacción do proxecto de 58 vivendas protexidas máis, que se construirán neste caso na parcela Z-38. O investimento previsto para a construción destes dous bloques que albergarán en total 98 VPP supera os 13,5 millóns de euros.

Finalmente, o orzamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para o vindeiro ano prevé un investimento de 3,5 millóns de euros na urbanización do parque ofimático da Coruña.